DIA DA CIENCIA EN GALEGO NO CEIP DE CERVO
O luns día cinco de novembro,
celebramos o día da ciencia en galego no Ceip de Cervo.
Nas dúas sesións da tarde o alumnado de segundo e terceiro ciclo, expuxo o
traballo que preparou durante todo este mes da ciencia en galego, asiste todo o
alumnado do centro e a experiencia faise no patio central interior do centro,
pois algunha experiencia necesitaba facerse dende as alturas do primeiro andar.
Empezamos a sesión co alumnado de terceiro de primaria, que nos explicou
como escribir ao revés coma Leonardo, traen uns escritos feitos por eles e coa
axuda dun espello e sacando a compañeiros de outros cursos van comprobando no
espello que está correctamente escrito.
Logo o alumnado de cuarto de primaria empeza explicando o funcionamento das
pancas (Diego, Xoel e Saul ) a través de aparellos que temos no colexio:
pinzas, tesoiras, taladradoras, grampadoras, quebranoces,… explican onde se
aplica a potencia, onde está o punto de apoio e a resistencia de cada unha e a
forza maior ou menor que hai que facer en cada unha pola distancia ao punto de
apoio.
Logo alumnas de cuarto (Laura, Lucía e Maite) explican o funcionamento das
poleas, o concepto de fixa e móbil e a forza necesaria en función do número de
poleas empregadas.
Logo Adrián, Noé e Yaiza explican o
funcionamento das dínamos das bicicletas (inventada por Leonardo da Vinci), e
dado que non tiñan medios suficientes para ver alumear coa dínamo, axudáronse
dunhas pilas e cable para acender unha pequena luciña e comparárona co
funcionamento dunha manivela aplicada a unha dínamo.
Tres de cuarto: Hulmo, Amanda e Erika, ensináronnos o funcionamento das
engrenaxes, traen algún xogo tipo lego da casa, e con estes abren e cerran unha
porta ou explican a diferente velocidade, en función do máis ou menos grande,
que sexa a engrenaxe.
Todo o alumnado de quinto de primaria trae papaventos e paracaídas feitos
en plástico. Explícannos cal foi o proceso da súa construción, os diferentes tamaños
de cadrados e de fíos, dos diferentes pesos que van levar colgados e logo soben
ao primeiro andar dende onde os van a ir lanzando para que poidamos comprobar
as distintas velocidades alcanzadas.
Os de sexto empezan construíndo dúas pontes seguindo o deseño de Leonardo
da Vinci, empregando en cada unha madeiros de distintas lonxitudes e grosores.
Unha vez rematadas fannos unha demostración da súa resistencia facéndolle pasar
por ela a unha nena de infantil e explícannos a súa utilidade na idade media
para as guerras pola súa facilidade en montar, desmontar e transportar.
Tres alumnas de sexto explican o funcionamento da ponte xiratoria (tamén
inventada por Leonardo), que se abre e se cerra para deixar pasalos barcos,
axudándose dunhas poleas e tornillos.
Logo explican o funcionamento do helicóptero do mesmo inventor.
Por último todo o alumnado de sexto, sobe ao primeiro andar, para dende alí
lanzar uns modelos de helicópteros de cartón, e podemos comprobar que uns xiran
deica un lado e outros ao outro en función da orientación do seu deseño e comunícanlles
a tódolos presentes que nos vindeiros días lles pasarán o modelo para que todos
e todas os poidan facer. Foi a apoteose final, pois recibiron tódolos pequenos
científicos un impresionante aplauso de tódolos asistentes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario