lunes, 25 de febrero de 2013


DIA DA CIENCIA EN GALEGO NO CEIP DE CERVO
O  luns día cinco de novembro, celebramos o día da ciencia en galego no Ceip de Cervo.
Nas dúas sesións da tarde o alumnado de segundo e terceiro ciclo, expuxo o traballo que preparou durante todo este mes da ciencia en galego, asiste todo o alumnado do centro e a experiencia faise no patio central interior do centro, pois algunha experiencia necesitaba facerse dende as alturas do primeiro andar.
Empezamos a sesión co alumnado de terceiro de primaria, que nos explicou como escribir ao revés coma Leonardo, traen uns escritos feitos por eles e coa axuda dun espello e sacando a compañeiros de outros cursos van comprobando no espello que está correctamente escrito.
Logo o alumnado de cuarto de primaria empeza explicando o funcionamento das pancas (Diego, Xoel e Saul ) a través de aparellos que temos no colexio: pinzas, tesoiras, taladradoras, grampadoras, quebranoces,… explican onde se aplica a potencia, onde está o punto de apoio e a resistencia de cada unha e a forza maior ou menor que hai que facer en cada unha pola distancia ao punto de apoio.
Logo alumnas de cuarto (Laura, Lucía e Maite) explican o funcionamento das poleas, o concepto de fixa e móbil e a forza necesaria en función do número de poleas empregadas.
Logo Adrián, Noé e Yaiza  explican o funcionamento das dínamos das bicicletas (inventada por Leonardo da Vinci), e dado que non tiñan medios suficientes para ver alumear coa dínamo, axudáronse dunhas pilas e cable para acender unha pequena luciña e comparárona co funcionamento dunha manivela aplicada a unha dínamo.
Tres de cuarto: Hulmo, Amanda e Erika, ensináronnos o funcionamento das engrenaxes, traen algún xogo tipo lego da casa, e con estes abren e cerran unha porta ou explican a diferente velocidade, en función do máis ou menos grande, que sexa a engrenaxe.
Todo o alumnado de quinto de primaria trae papaventos e paracaídas feitos en plástico. Explícannos cal foi o proceso da súa construción, os diferentes tamaños de cadrados e de fíos, dos diferentes pesos que van levar colgados e logo soben ao primeiro andar dende onde os van a ir lanzando para que poidamos comprobar as distintas velocidades alcanzadas.
Os de sexto empezan construíndo dúas pontes seguindo o deseño de Leonardo da Vinci, empregando en cada unha madeiros de distintas lonxitudes e grosores. Unha vez rematadas fannos unha demostración da súa resistencia facéndolle pasar por ela a unha nena de infantil e explícannos a súa utilidade na idade media para as guerras pola súa facilidade en montar, desmontar e transportar.
Tres alumnas de sexto explican o funcionamento da ponte xiratoria (tamén inventada por Leonardo), que se abre e se cerra para deixar pasalos barcos, axudándose dunhas poleas e tornillos.  Logo explican o funcionamento do helicóptero do mesmo inventor.
Por último todo o alumnado de sexto, sobe ao primeiro andar, para dende alí lanzar uns modelos de helicópteros de cartón, e podemos comprobar que uns xiran deica un lado e outros ao outro en función da orientación do seu deseño e comunícanlles a tódolos presentes que nos vindeiros días lles pasarán o modelo para que todos e todas os poidan facer. Foi a apoteose final, pois recibiron tódolos pequenos científicos un impresionante aplauso de tódolos asistentes.

FACENDO ANIMAIS DE FOLLAS DE OUTONO 

O alumnado do CEIP de Cervo, tódolos anos fai saídas polo entorno no outono, porque lles da moitas posibilidades de facer actividades de tipo clasificación, coñecemento da natureza, da cor, das formas, dos xogos, polo tanto nestas saídas empezan por proporlles a alumnado que cousas poden atopar na saída, poñen logo distintos recipentes, cunha mostra do que van recoller, para que o alumnado poña alí as follas, as castañas, os cogumelos … en todo o proceso van a traballar a observación fixándose nas cores, nas árbores,… na volta ás clases clasifican todo o material, fálase do material recollido, fanse xogos do tipo paracaídas ou encestar castañas en distintos obxectos con buratos, e tamén intentan dende logo deducir de que árbore son cada tipo de follas… en con todo o material recollido farán logo unha exposición no centro para deleite de toda a comunidade educativa. Nesta ocasión non tiveron que ir a un souto, nin desprazarse moito do centro, pois atoparon das árbores plantadas en anos anteriores no recinto escolar, as follas que necesitaban para facer unha actividade moi fermosa, seguindo os seguintes pasos: - Recollida no entorno do centro de follas de diferentes árbores. - Viron a través de informática e libros exemplos de traballos feitos por outro alumnado. - Clasificáronas seguindo distintos criterios, cor, forma, tamaño,… - Contaron de xeito verbal o que pretendían representar con material. - Van recollendo as follas adecuadas para facer o animal que pretendían. - E rematan facendo estes fermosos animais.

Visita a San Martiño

O día 30 de outubro fixemos unha saída de traballo co alumnado de segundo e terceiro ciclo para coñecer aspectos culturais do noso entorno máis próximo, nesta ocasión a visitar a igrexa prerrománica de San Martiño de Mondoñedo, no concello de Foz, e aproveitando que estes últimos anos estamos implicados nun proxecto de traballo sobre a pintura e a escultura, quixemos coñecer a exposición e o obradoiro de Caxigueiro un dos artistas máis coñecidos da nosa comarca.
Como en tódalas excursións que facemos no centro, constan de tres fases: preparación e busca de información previa no centro, actividades durante a visita e finalmente posta en común das mesmas para aclarar as dúbidas.
Nesta ocasión antes da saída o profesorado propuxo que o alumnado visitara as páxinas web do concello de Foz para atopar información da igrexa e o blog de Caxigueiro para coñecer máis sobre o artista, tamén se lles facilitou uns folletos con información da Basílica de San Martiño, da súa historia, descrición da mesma, partes e planta; e o alumnado preparou unha enquisa con preguntas tanto para o artista como para a guía da catedral.



A LIMPEZA DO ENTORNO DO CENTRO
Estes primeiros días de colexio estamos preparando o entorno do centro,  o xardín, o recuncho  das aromáticas, a charca, o invernadoiro, as plantas de interior … porque durante o verán estivo todo moi abandonado, de xeito que estaba todo un pouco salvaxe, con unha verdadeira necesidade de posta a punto, para que o centro volvera a estar acolledor e atractivo. Para isto, en horario escolar, o alumnado de quinto e sexto de primaria, dirixidos polas nosas mestras, puxémonos man a obra, e despois de varias horas,  quedou tan fermoso como o deixaramos en xuño.



viernes, 22 de febrero de 2013


O DIA/MES DA CIENCIA EN GALEGO NO CEIP DE CERVO
-          Empezamos na biblioteca do centro adicándolle este mes á figura de LEONARDO DA VINCI.
-          A partires desta iniciativa organizamos unha exposición de libros relacionados con este autor/artista/…
-          Elaboramos unha ficha de traballo para o alumnado do segundo e terceiro ciclo para que fora investigando e buscando información sobre este autor, nos libros expostos  e a través da informática.
-          O alumnado de segundo ciclo fixo pinturas relacionadas co traballo de Leonardo.
-          Durante este mes nos recreos o alumnado pasa a ver vídeos sobre a vida e os inventos de Leonardo.
-          O alumnado de terceiro ciclo constrúe diversos inventos de Leonardo: Unha especie de helicóptero, unha ponte móbil (ábrese para que pasen os barcos), accionada por unha polea con cordas, e unha ponte desmontable con 14 madeiros que non necesitan ningunha atadura.
-          O alumnado de infantil está moi motivado traballando as pancas e as balanzas que tanto empregara Leonardo nos seus inventos. O conserxe do centro fíxonos material para experimentar con pancas e incluso planos inclinados, que xunto con outro material do centro como balanzas,… teñen a este alumnado moi ocupado en investigar sobre estas máquinas simples.
-          Polo que se refire ao día cinco vamos organizar unha tarde chea de experimentos, por exemplo os de cuarto de primaria farán unha demostración sobre o funcionamento dunha dínamo, a roda e a electricidade. Os de sexto de primaria construirán e explicarán as maquetas de pontes e obxectos voadores, os de quinto farán paracaídas de distintas dimensións e comprobarán como estas inciden no seu voo; os de terceiro tentarán escribir como Leonardo é dicir ao revés, a través de tres fases, unha primeira sen axuda, a segunda coa axuda dun espello e a terceira coa axuda dun programa de ordenador, e os de infantil farán algún experimento con pancas.
-          Durante este mes tódolos ciclos están traballando tamén ás máquinas simples a través dos materiais que xa dixemos e levando exemplos de pancas(tesoiras, balancín, alicates, carretillas, cascanoces, pinzas,…) , planos inclinados, poleas e engranaxes ás clases.


O alumnado de infantil de cinco anos, para aprender as partes do corpo, e tamén os nomes das froitas, partiron da lectura dun fermoso libro titulado: “A ARAÑA E MAIS EU”.
Logo de lelo a mestra con moito teatro, deulles para facer  moitas actividades,  entre elas hoxe imos destacar dúas: un obradoiro de plástica onde fixeron moitas arañas empregando material  reciclado como oveiras e  palliñas de zume; para facela obra artística empregan témpera para pintar e alkil para pegar as patas; a segunda actividade vai ser  psicomotriz, arredor das masaxes, onde nunha primeira sesión acompañados de música clásica relaxante o alumnado posto por parellas,  percorre o corpo dos pés á cabeza do outro, como se fosen arañas, xa na segunda sesión fan as masaxes propiamente ditas, tamén por parellas e empregando unha natiña, aceite e con partes do corpo espidas …



O ACIVRO DE NADAL
Un traballo en equipo, feito polo alumnado axudado por toda a familia, con material de todo tipo.
Todos os anos no colexio de Cervo por esta época de Nadal, o alumnado nun traballo en equipo con toda a súa familia, axúdanlle a nai, o pai, os irmáns,… nunha actividade colectiva de plástica que a partires dun modelo en A3 que lle damos o profesorado, eles empregando todo tipo de materiais, do máis variado posible, fan algo relacionado con estas festas, un  ano foi unha árbore, outro un boneco de neve, outro unhas botas, e este ano é o do “acivro de nadal”.
É recollido polo profesorado e faise unha exposición con todos os traballos dende 3 anos ata sexto de primaria, na entrada do centro, que mantemos durante meses. Nesta exposición podemos comprobar que hai familias con moitas habilidades para a plástica.

Imos empezar unha nova andaina de información sobre traballos relacionados co medio ambiente no CEIP de CERVO